Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘galego na ciencia’

A Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), na Asemblea celebrada o 7-V-2010, aprobou por unanimidade transmitir á Consellería de Educación e aos medios de comunicación a seguinte resolución.
ENCIGA manifesta a súa oposición ao decreto de plurilinguismo presentado pola Consellería de Educación baseándose nos seguintes argumentos:
1º.- A nosa asociación, con máis de 650 socios, leva vinte e dous anos de funcionamento e trátase da asociación de profesorado máis numerosa de Galicia. Entre as asociacións de profesorado de Ciencias é a máis veterana do Estado español e das máis veteranas de Europa. Ao longo destes anos non tivo coñecemento de que ningún dos seus membros recibise ningunha reclamación nin queixa polo feito de ter empregado o galego na aula. Por iso non comprende o interese da Xunta de Galicia en aprobar un decreto que impón o uso do castelán de xeito obrigatorio en materias de Ciencias como a Física e Química, Matemáticas ou Tecnoloxía, véndose afectados con esta decisión moitos dos socios da nosa Asociación.
2º.- Ao longo destes anos, nos case 70 números publicados da nosa revista e próximos a realizar o XXIII congreso da nosa Asociación, a maioría das publicacións e comunicacións foron presentadas en galego, probando que é unha lingua tan natural coma outras para transmitir e divulgar ideas científicas. Ningunha razón científica pode argumentar unha chata ou deficiencia por usar o galego para falar de Ciencia.
3º.- Unha parte importante das actividades da nosa Asociación están relacionadas co estudo, divulgación e investigación de métodos que acheguen a ciencia á sociedade e ao alumnado das distintas idades, o que, xunto co apartado anterior, amosa que o profesorado de Ciencias ten un interese especial por conseguir a máxima competencia do alumnado galego nas materias das súas áreas e promover o uso común do galego na aula é unha mostra dese achegamento á sociedade galega. O contrario sería continuar a longuísima etapa de imposición do castelán, procurando que o galego estea practicamente fóra do sistema educativo, polo menos de moitas materias de Ciencias, o que vai en contra de todo argumento pedagóxico e lembra os tempos escuros de “la letra con sangre entra”, máxima antipedagóxica por excelencia que hoxe todos rexeitamos.
4º.- Diversos informes científicos coñecidos pola Consellería de Educación proban que a competencia xeral do alumnado é menor en galego que en castelán. Dado que necesariamente o obxectivo educativo neste tema é o de acadar unha boa competencia tamén en galego, a Consellería debería tomar decisións para conseguir ese obxectivo. Sorprende que, no seu lugar, apunten ao contrario, ao reducir as materias a impartir en galego e decidir que a maioría das de Ciencias sexan impartidas en castelán contradicindo no caso do galego o que a propia Consellería promove no inglés.
5º.- O decreto supón unha imposición aos profesores, moitos da nosa Asociación, do uso do castelán. En vez de promover o uso do galego como sería razoable nunha comunidade cunha lingua propia, promóvense leis que o desprotexen, involucrando nesta tarefa ao profesorado das áreas de Ciencias. Isto é malo para o país, para os centros, para a docencia das ciencias, para o profesorado implicado nestas áreas e, por suposto, malo para o alumnado e para toda a sociedade galega.
6º.- Por todo isto, consideramos razoable e apoiamos a decisión do profesorado que se ten manifestado publicamente no sentido de non aceptar a substitución do galego polo castelán nas súas aulas.
Santiago de Compostela a vinte e sete de maio de 2010

Advertisements

Read Full Post »

O GALEGO E O ENSINO DA CIENCIA
A Xunta Directiva da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia
(ENCIGA), que está presente no eido da educación secundaria dende hai máis de vinte anos e que conta con case un milleiro de profesores e profesoras no ámbito da Física,Química, Bioloxía, Xeoloxía, Matemáticas e Tecnoloxía, dende o coñecemento e a experiencia de tan prolongada presenza, pon de manifesto:

  • Que os profesores e profesoras que participan nas actividades de ENCIGAdesenvolven as súas actividades docentes en centros escolares situados en cidades, vilas grandes e pequenas e con moi variadas situacións sociolingüísticas.
  • Que, polas súas actividades e antigüidade, é a asociación de profesores deciencias máis importante no ámbito da secundaria das que hai no territorio español.
  • Que esta asociación ten publicado ata hoxe 67 números da súa revista –Boletín das Ciencias– en galego, o que supón preto de mil cincocentos artigos dedicados ó ensino das ciencias na secundaria.
  • Que leva celebrados 21 congresos anuais, nos que se teñen presentado unhas 800 comunicacións, cuxa inmensa maioría se expuxeron en galego.
  • Que profesores e profesoras que colaboran ou colaboraron nas actividades de ENCIGA se contan entre os mellores profesionais no seu ámbito, como queda demostrado por teren recibido o recoñecemento de institucións e organismos de todo tipo, tanto de Galicia como de fóra dela.
  • Que nunca nas súas actividades, asembleas, comunicacións, artigos, etc., se ten producido ningunha intervención no sentido de manifestar que o uso do galego poida producir ningún tipo de atranco na aprendizaxe dos contidos científicos, ou en calquera outra acción que sexa propia do ensino na secundaria.

Por todo isto, MANIFESTAMOS que:
Calquera intención de situar o galego como un problema no ensino,
en calquera etapa educativa, non se corresponde coa realidade e
non se sustenta en ningunha razón didáctica ou pedagóxica.

Read Full Post »